Logo RGCUD

Rede Galega
de Cooperación Universitaria
ao Desenvolvemento

Subvencións para proxectos de investigación e creación grupos de investigación en materia de cooperación para o desenvolvemento

Institución:
Xunta de Galicia
Público:
PDI

ORDE do 6 de maio de 2019 pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para realizar proxectos de investigación e para crear grupos de investigación en materia de cooperación para o desenvolvemento, no marco da Axenda 2030, que executarán os grupos e centros de investigación das universidades galegas, e se realiza a súa convocatoria para o ano 2019 (código de procedemento PR815A).

As políticas de cooperación para o desenvolvemento humano, orientadas a unha real superación da pobreza e das desigualdades, precisan de iniciativas que promovan a innovación e a xestión eficiente do coñecemento en cooperación, e que contribúan a mellorar o impacto e a calidade da axuda para o desenvolvemento a través da investigación. No IV Plan director da Cooperación Galega (2018-2021) apóstase por reforzar a cultura de avaliación, investigación e aprendizaxe colectiva.

O dito IV Plan director enmárcase na nova axenda global de desenvolvemento, definida pola Axenda 2030 para o desenvolvemento sustentable das Nacións Unidas e os seus 17 obxectivos de desenvolvemento sustentable (ODS), buscando acadar unha transformación global de cara á sustentabilidade económica, ambiental e social. Os retos formulados polos ODS requiren unha abordaxe práctica que proporcione solucións innovadoras aproveitando o coñecemento científico e tecnolóxico, ademais de cambios no comportamento individual e colectivo.

A universidade é o espazo fundamental para o desenvolvemento da investigación, e é ademais o espazo axeitado para impulsar a innovación e cambios de comportamento que nos sitúen na senda do cumprimento dos ODS.

Tendo en consideración isto, é pertinente aprobar as bases reguladoras do ano 2019 para realizar proxectos de investigación e para crear grupos de investigación en materia de cooperación para o desenvolvemento, que executarán investigadores/as individuais ou equipos de investigación das universidades galegas.

Pola súa vez, procede convocar a concesión de subvencións con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2019, de acordo con estas bases reguladoras que garanten os principios de publicidade, concorrencia e obxectividade.