Logo RGCUD

Rede Galega
de Cooperación Universitaria
ao Desenvolvemento

Curso Axenda 2030. Axentes do cambio (Universidade da Coruña)

Do 2 ao 30 de novembro

O Curso "Axenda 2030. Axentes do cambio" ten unha duración de 30 horas e vai dirixido ao alumnado da Universidade de Coruña que teña un forte compromiso coa protección do medioambiente e coa erradicación das desigualdades no mundo.

A Axenda 2030 é unha resolución da ONU aprobada en 2015 que constitúe a folla de ruta da humanidade para os vindeiros anos. Centrada na protección medioambiental e na erradicación de todo tipo de desigualdades, a Axenda busca que as universidades se impliquen na xeración das condicións para acadar un desenvolvemento máis sostible e inclusivo tendo en conta as limitacións do planeta e o benestar das persoas a través da aplicación dos denominados «Obxectivos de Desenvolvemento Sostible» (ODS).

O principal obxectivo deste curso é o de formar a estudantes para que desenvolvan unha acción de voluntariado nos dous campus da UDC (Coruña e Ferrol) na que dean a coñecer o contido da Axenda 2030 e os seus 17 ODS mediante paneis informativos e a organización de actividades. 

O curso contará con 30h de formación virtual en TEAMS na que o alumnado accederá aos contidos sobre a Axenda e a vídeos explicativos. O estudantado terá unha participación activa a través de foros de debate online e contarán en todo o momento co asesoramento e titorización do equipo docente tanto para elaborar as actividades como para resolver dúbidas.